A Xunta aposta polas enerxías renovables con 207 millóns de euros

A Xunta ratifica a súa aposta polas enerxías renovables coa autorización dunha planta de biomasa no municipio coruñés de Curtis e a declaración de interese especial doutros tres parques eólicos, situados nas provincias da Coruña e Lugo. Os catro proxectos suporán un investimento de preto de 207 millóns de euros.

Tras a declaración, o pasado mes de decembro, de 18 parques e 14 infraestruturas de evacuación de interese especial, a Xunta sumará outras tres iniciativas máis, o que supón un investimento global de 543 millóns de euros, a implantación de preto de 500 MW na Comunidade, máis de 7000 empregos durante a súa construción e máis dun centenar tras a súa posta en funcionamento. Ademais, establece un canon eólico de case 17 millóns de euros durante toda a súa explotación.

En concreto, trátase do parque eólico Picato e a súa infraestrutura de evacuación, situado nos concellos de Guntín, Lugo e Friol (Lugo), que con 21 aeroxeradores e unha potencia de 42MW terá unha produción anual de 120GWh. Os outros dous proxectos declarados de interese especial son repotenciacións a realizar na provincia da Coruña: o parque eólico de Zas (nos concellos de Zas, Santa Comba e Tordoia), cunha redución de 80 a 10 aeroxeradores, un incremento da potencia dos 24 aos 26,25MW e unha produción anual de 100,27GWh; e o de Corme (situado en Ponteceso), que pasa de 61 a 7 aeroxeradores, cun lixeiro aumento da potencia (de 18,3 a 18,375MW) e mantendo unha produción anual de 77,40GWh.

Estes tres proxectos, cun investimento asociado de preto de 93,3 millóns de euros, suman 86,62MW, dos que 42MW son de nova creación -parque eólico Picato- e 44,62 MW corresponden ás dúas repotenciacións de Corme e Zas. O desenvolvemento das tres iniciativas permitirá a creación de preto de 800 postos de traballo durante a súa execución e máis de 30 empregos estables durante o seu funcionamento. O canon eólico xerado será de 3,6 millóns de euros durante toda a súa explotación.

A declaración de interese especial destes proxectos é unha nova figura que introduce a Lei de implantación empresarial e que permite a tramitación prioritaria destas actuacións, así como a redución á metade dos prazos necesarios para obter as autorizacións preceptivas para a construción dos parques, mantendo sempre todas as garantías urbanísticas, técnicas e medioambientais. O obxectivo é que se executen en Galicia proxectos de enerxías renovables no marco das poxas do Estado, tendo en conta que deben estar en funcionamento antes do 1 de xaneiro de 2020.

Os tres parques sumaranse aos 160 que están en funcionamento na nosa Comunidade con máis de 3300 MW. A Consellería de Economía, Emprego e Industria segue a apoiar, así, un modelo de desenvolvemento da enerxía eólica centrado na recuperación do liderado do sector, así como na creación de emprego e riqueza para a sociedade. O Goberno galego agarda que en 2020, tras as tres últimas poxas realizadas a nivel estatal, Galicia sume 4000 MW en funcionamento.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com