A Xunta realiza unha xornada de portas abertas no novo auditorio

A Delegación Territorial da Xunta celebrará este venres, día 22, unha xornada de portas abertas para que os lucenses poidan coñecer o Auditorio de Lugo, a que “está chamada a ser a principal infraestrutura cultural da nosa cidade unha vez se complete o proceso de equipamento”.

Está prevista a apertura ás 10.00 horas e poderá ser visitado ata as 15.00 horas. O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, asistirá á apertura e realizará un breve percorrido polas instalacións. O acceso será libre e gratuíto para todos os cidadáns interesados, pero ademais foron expresamente convidadas asociacións veciñais e outros colectivos da cidade, para que coñezan as posibilidades que ofrece este espazo.

Na actualidade a Xunta está a ultimar o equipamento, para o que adiantou un investimento de 3,7 millóns de euros a través dun convenio de colaboración co Concello, polo que este exime á Administración galega do pago do IBI de cinco centros sanitarios de titularidade pública autonómica.

A construción do Auditorio de Lugo foi unha aposta da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e constituíu unha das actuacións máis importantes do Plan hUrbe no apartado de equipamentos públicos, licitada por un importe de 20 millóns de euros.

A infraestrutura ten preto de 20.000 m2, que se distribúen en distintas salas: a principal, con capacidade para 900 espectadores, e unha destinada á celebración de conferencias e concertos, con capacidade para 300 persoas, así como lugares para actividades teatrais, escola de música e mediateca, entre outros equipamentos.

Tamén se definiron espazos de uso comúns, con cafetaría, gardarroupa, aseos públicos e unha zona de información e venda de entradas. Na súa estrutura, ubicarase unha zona destinarase a congresos e exposicións e outra a diferentes labores administrativos.

Comezan os trámites para o CEIP do Sagrado Corazón

Noutro eido, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Gaclia, a licitación do proxecto básico e de execución da construción dun novo edificio para o CEIP Sagrado Corazón de Lugo. O importe de licitación do proxecto ascende a 70.284,79 euros, aínda que o departamento educativo da Xunta de Galicia ten previsto investir máis de 4 millóns de euros na construción, en dúas fases, deste centro. O delegado territorial, José Manuel Balseiro, mantén esta tarde un encontro con representantes da dirección e da Asociación de Nais e Pais (ANPA) do colexio para explicar detalles da actuación.

Deste xeito dáse resposta ás necesidades de escolarización deste concello, ademais de á necesidade de mudar de ubicación o centro, toda vez que agora está situado nun edificio de Abanca a través dun convenio cuxa vixencia remata en 2018. En calquera caso, a Consellería está a negociar unha prórroga a este convenio ata a finalización da construción dun novo colexio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com