Novas

Pakolas estreará novo espectáculo na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei

Pakolas achegará á Casa-Museo Manuel María o seu novo espectáculo musical ‘A Ramona Pequena vai á lúa’, que se celebrará o vindeiro sábado 4 de novembro ás 17.00 horas. Neste concerto, dirixido para nenas e nenos entre 3 e 10 anos, Pakolas guiará coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e da súa guitarra, nun espectáculo creado polo propio autor.

O músico cantará e contará a historia de Ramona pequena. Unha máquina do tempo levará esta á súa infancia, desde alí fará vivir, aos asistentes ao concerto, unha nova aventura rockeira e didáctica chea de imaxinación e aprendizaxe.

Paco Cerdeira, é un músico, compositor e produtor que leva dedicándose ao público infantil desde xa hai máis de dezaseis anos, comezando no seus inicios, e durante dez anos, co grupo Mamá Cabra, para formar en 2014 a súa banda, A Gramola Gominola, e en 2015 o seu proxecto máis persoal Pakolas. Con este último leva editado tres traballos: Pakolas (2017), Ramona Órbita, a dona do tempo (2020) e A Ramona Pequena vai á lúa (2023).

Para asistir ao concerto é necesario reservar entrada -que custa 2 euros- no contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou por Whatsapp no 698 177 621.

A Subida de Taboada celebra o 4 e 5 de novembro a súa décima edición tras 17 anos de parón

A Praza de Riazón acolleu este mércores o acto de presentación da X Subida a Taboada, que se celebrará os días 4 e 5 de novembro, e que volve ao calendario automobilístico galego despois de dezasete anos sen disputarse grazas á iniciativa da área de Deportes e Medio Rural do Concello de Taboada e da Escudería Taboada.

Antes do peche do prazo -que se produciu onte á noite-, a organización confirmou a inscrición de medio cento de pilotos. A proba terá un trazado semellante ao da última edición, celebrada en 2006, cun percorrido pola estrada LU-611, entre Rubián e Taboada. As dúas primeiras mangas disputaranse na tarde do sábado, con saídas ás 15.30 e 17.30 horas, e o domingo á mañá as dúas últimas, ás 11.00 e 13.00 horas. O parque pechado e as verificacións técnicas realizaranse na contorna da Praza de Riazón e na Avenida de Lugo.

Na súa participación no acto, o concelleiro de Deportes e Medio Rural de Taboada, Manuel Diéguez, explicou que “recuperamos a proba co mesmo espíritu e ilusión que a caracterizou no seu momento, e co obxectivo de que perdure nos vindeiros anos e volva ser un referente do deporte na comarca e repercuta de forma positiva na economía local”.

A Subida a Taboada será a última proba do Campionato Galego de Montaña, a segunda na provincia, despois da Subida á Pontenova.

A policía denuncia catro infraccións de tráfico por consumo de alcol durante a ponte de todos os santos

O Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo intensificou nesta ponte de todos os santos os controis de alcol e drogas, detectando varias infraccións serias de tráfico por consumo de alcol.

Un dos controis estableceuse na rúa Julia Minguillón, onde detectaron a condución irregular dun vehículo. O condutor, que presentaba signos de embriaguez, foi requerido para unha proba de alcolemia, pero este negouse. A pesar de que os axentes lle informaron que se continuaba negándose estaría incurrindo nun delito, o condutor persistiu na súa conduta, polo que se lle instruíu un delito contra a seguridade viaria e inmobilizouse o seu vehículo.

Na Rúa Xenebro e na rúa Lamas de Prado detectáronse dous vehículos cuxos condutores foron sometidos ás probas de alcolemia, lanzando un resultado positivo de 0,62 e 0,65 mg/l respectivamente. Os axentes abriron dous expediente sancionadores con multas de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución para cada un deles, ademais de inmobilizar o seus vehículos.

Tamén interviu a Policía Nacional nestes operativos, dando o alto a un condutor que presentaba evidentes signos de embriaguez na rúa Curros Enríquez. Despois de sometelo ás probas de alcolemia, deu un resultado positivo de 0,86 mg/l, polo que se lle instruíron dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de xuízo rápido.

Un menor detido despois de agredir a súa nai por esconderlle o router

A Policía Local de Lugo detivo a un menor de idade que agrediu a súa nai por esconderlle o router. Os feitos aconteceron a primeira hora da tarde do martes, cando os axentes recibiron un aviso dun edifio na Ronda das Mercedes no que se estaba a producir nunha forte discusión nunha das vivendas.

Xa dentro do edificio, os axentes escoitaron polas escaleiras os gritos e insultos que o rapaz estaba proferindo contra súa nai, así coma fortes golpes polo peche violento das portas. Despois de chamar, o menor deixou acceder aos policías, que entrevistaron á nai e ao fillo por separado. O rapaz admitiu as agresións físicas e verbais contra súa nai porque, segundo el, lle escondera o router que lle permitía a conexión a internet, e que lle facía falta para os seus estudos.

Tras escoitar ambas versións a policía procedeu á detención do rapaz por un delito de violencia no ámbito familiar, e foi trasladado a depenecias policiais onde se instruíron as dilixencias oportunas para a súa remisión ao Xulgado de menores.

Os Codex Cinema estrean ‘Juniper’ e ‘Vidas Pasadas’

Os Codex Cinema reciben esta semana dúas novas estreas: ‘Vidas pasadas’, que chegará mañá, e ‘Juniper’, que se estreará o venres.

‘Vidas pasadas’, baixo a dirección de Celine Song, conta a historia de como a familia de Nora emigra a Canadá cando ela ten dez anos, polo que perde o contacto co seu amigo da infancia. Moitos anos despois, cando Nora está estudando teatro en Nova York, reencóntrase con el online. Unha película fermosa e dolorosa a vez, xa que non resulta fácil contar esta historia sen deslizarse polo sentimentalismo e a nostalxia.

‘Juniper’ é un filme dirixido por Matthew Saville que resume á perfección as experiencias da vida pero que rompe o corazón ao mesmo tempo. Trata dun adolescente autodestructivo que é expulsado do colexio e, como castigo, pídeselle que coide á súa rabuda e alcohólica aboa. Os disparatados momentos que vive con ela cambiaranlle a vida.

A estela restaurada de Cerecivs xa se  pode ver na Sala dos Mosaicos do Museo

Unha nova peza restaurada neste caso a estela funeraria de Cerecivs ven de ser presentada no Museo Provincial. A peza, reconstruída a partir dos fragmentos achados en 1998 durante os traballos de limpeza e posta en valor da muralla romana, exponse na Sala dos Mosaicos, canda outras mostras da epigrafía romana de Lucus Augusti.

 Un dos fenómenos máis destacados da epigrafía romana de Lucus Augusti é a aparición dun elevado número de epígrafes reutilizados como elementos de recheo no núcleo da muralla romana, motivada, polo menos, por tres razóns: a súa construción tiña precedencia sobre o núcleo urbano nun momento de inestabilidade política e económica; o seu contorno inclúe novos sectores urbanos e, polo tanto, engloba zonas construídas residenciais, ámbitos laborais (incluídos obradoiros oleiros) e funerarios (necrópoles) dispostos na periferia urbana; e/ou, finalmente,  pola economía de traballo na que interesa o aproveitamento de todo material susceptible de formar o recheo da muralla nos devanditos ámbitos afectados pola construción amurada. Deste xeito, a muralla convértese nunha singular “canteira” epigráfica, con mostras unhas veces incluídas nos paramentos á vista e outras como parte do recheo.

Un bo exemplo diso son os achados realizados, en 1998, durante os traballos de limpeza e posta en valor da muralla romana de Lugo entre os cubos 54 a 60, 61 e 62 no flanco SE do seu perímetro. Concretamente, no tramo dos cubos 58 e 59, localizáronse un esqueleto, dúas estelas bifrontes, as chamadas de Hércules e a Loba Capitolina, así como outras dúas de cabeceira redondeada, dunha apenas tres fragmentos e a outra esta, que ven de presentarse, (Epi76) denominada de Cerecius, por ser o nome do defunto que aparece inscrito na estela, foi depositada daquela, pola Xunta de Galicia no MPL.

A estela Cerecius constitúe un exemplo das máis temperás manifestacións epigráficas do Lugo romano, monólitos fundacionais aparte, dentro da serie tipolóxica dos ronseis de cabeceira redondeada, xunto coa de Crecente (San Pedro de Mera, Lugo) tamén exposta no MPL, conxunto que podemos datar a mediados da primeira centuria, do que se pode inferir a existencia dun obradoiro epigráfico moi serodio á vez que unha rápida aceptación dos modos culturais, funerarios neste caso, e lingüísticos pola utilización do latín.

Neste contexto, o estela de Crecente destaca pola figuración á moda romana pero a antroponimia e a origo, indicación de procedencia, de carácter indíxena, sendo o caso invertido a de Cericius, con antroponimia substancialmente romana pero con decoración indíxena.

Polo demais, o formulario, o ductus e a ordenación da de Cericius presenta algunhas singularidades que poden relacionarse, quizais, coa aínda non ben asimilada romanización latina local.

 

Os bombeiros protestan en Lugo por melloras do convenio e as deputacións e a Xunta avisan de que non é viable

Esta mañá centenares de bombeiros de toda Galicia saíron ás rúas de Lugo para pedir melloras do seu convenio laboral. Cunha escenografía que representaba a morte do seu consorcio, desplazáronse ata a Praza de San Marcos con coroas de flores, un ataúde e incluso unha banda de gaiteiros.

Ante a sede da Deputación de Lugo desplegouse un gran dispositivo antidisturbios da Policía Nacional, que pechou a Praza de San Marcos, para evitar que se repetiran escenas como as do pasado día 23 de outubro, cando as protestas dos bombeiros ante a Deputación de Ourense deron lugar a enfrentamentos entre policía e brigadistas. Por sorte, desta vez as protestas desevolvéronse de forma pacífica.

As Deputacións e a xunta responden

Ante as protestas que os bombeiros foron realizando ao longo da xeografía galega, esta tarde as catro Deputacións provinciais e a Xunta de Galicia emitiron un comunicado conxunto no que sinalan que o convenio presentado polo sindicato “non é viable nin económica nin xuridicamente”.

“A materialización e implementación das previsións contidas nesa proposta de convenio invalidarían a xustificación do cambo do modelo de xestión acordado no seu día, tendo en conta que os citados acordos están vixentes e son firmes, xa que foron aceptados por ambas partes, e que nunca foron impugnados ante calquera autoridade laboral ou xudicial”, recolle o comunicado.

Neste texto, asinado polos catro presidentes das deputacións galegas e polo vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, piden ao colectivo de bombeiros que presenten unha nova proposta de convenio “viable para as dúas partes” e que “responda aos criterios aos que as administracións públicas se ven sometidas de acordo coa Lei de Orzamentos do Estado (…) e as demais disposicións legais de aplicación, así como a xurisprudencia existente”. Tamén piden unha reconfiguración do modelo de reunións nas que se levan a cabo as negociacións, para que sexan máis dinámicas e operativas para “poder chegar a acordos”.

No comunicado tamén fan un aviso aos bombeiros de que a rotura dun acordo firme ten consecuencias, como a “posibilidade de interpoñer reclamacións legais ante os tribunais”.

 

 

 

 

Un incendio calcina por completo un alpendre en Sarria

Un incendio consumiu un pendello situado en Betote de Abaixo, no municipio de Sarria. A pesar de que o alpendre estaba ao carón dunha vivenda, non houbo que lamentar danos persoais, aínda que se calcinaron por completo diversos materiais e ferramentas que se atopaban no interior do alpendre.

Os feitos sucederon esta mañá, cando ás 11.10 horas o 112 Galicia recibiu a varias alertas de particulares que chamaron para informar de que a pesar de que no alpendre non se atopaba ninguén, si que había unha caldeira con gasóleo.

Tras rematar as tarefas de extinción, os bombeiros confirmaron ao 112 Galicia que ardera case por completo a estrutura do pendello que se situaba ao carón da vivenda, e que esta, por fortuna, non se vira afectada polas lapas.

Un home falece en Guitiriz ao envorcar o tractor que manexaba

Un home faleceu onte pola tarde tras envorcar o tractor co que desbrozaba unha leira no lugar da Vacariza, na parroquia guitiricense das Negradas.

Pouco despois das 19.30 horas, un familiar do falecido avisou ao 112 tras comprobar que o home quedara atrapado do tractor que estaba manexando. Ata o lugar dos feitos trasladáronse os bombeiros de Vilalba, o GES de Friol-Palas, axentes da Garda Civil, Protección Civil de Guitiriz e unha ambulancia, que traballaron en conxunto para liberar o corpo da persoa, pero os servizos sanitarios nada puideron facer por salvar a vida do implicado.

Domingo de noraboa para os aficionados do CD Lugo: volve o programa ‘Latexos Albivermellos’ e abre un bar para os fans

A afición do CD Lugo está de sorte. E é que este domingo está de volta ‘Latexos Albivermellos’, o programa tertulia sobre o equipo da capital lucense que se emitirá a través de Lugo Si Radio -107.4 fm- e Xornal de Lugo TV os venres de 20.00 a 21.00 horas.

Bar Albivermello

Non só haberá un espazo para os aficionados do Lugo nas ondas, senón tamén nos Cines Codex, xa que este domingo tamén abrirá as portas ao público o Bar Albivermello, un punto de encontro no que os fans do clube poderá ver os partidos fóra da casa en directo. Así o fixo público o usuario @Luguismo na rede social X.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com