Novas

O Mercado dos Domingos presenta nova imaxe onde eliminan o uso dos plásticos

O mercado de produtoras e produtores locais, que se celebra cada domingo ata o 10 de outubro na contorna da praza de abastos de Ribadeo, presentou a súa nova imaxe que dará unidade ao proxecto e o fará máis visible.

O Concello de Ribadeo fixo entrega dos materiais onde se pode ver a nova imaxe do Mercado dos Domingos. Trátase de manteis, mandís, bolsas de tela reutilizables ou marcapáxinas cos datos dos produtores, onde figuran os seus contactos para poder facer os pedidos directamente.

O Mercado dos Domingos, organizado polo Concello de Ribadeo e a Asociación Produtores da Horta A Sucadoira, “ofrece un mercado de produtos de proximidade, onde se poden atopar produtos da horta, así como outros relacionados co sector primario como queixos, pan, ostras ou coitelos. Ademais este ano apostamos ademais pola eliminación do uso dos plásticos. Deste xeito, vanse repartir bolsas de tela reutilizables entre os compradores e premiarase a aqueles que acudan coa súa propia bolsa cunha participación para o sorteo de cestas de produtos, que se celebrarán ao longo do verán”, segundo explicou o concelleiro de Desenvolvemento Local e Comercio, Pablo Vizoso.

O edil ribadense subliñou que “coa implantación dunha imaxe conxunta preténdese dar unha maior visibilidade ao Mercados dos Domingos, que pon en valor a economía de proximidade, potencia o consumo de temporada e saudable, beneficia a nosa economía local e dinamiza a nosa vila”.

NarraSarria encherá o verán de contos e historias para cativos e adultos

NarraSarria nace sendo o primeiro Festival de Narración Oral e Contacontos de Sarria. Unha actividade que levará oito espectáculos ás rúas de Sarria durante os domingos de xullo e o primeiro de agosto. O festival está impulsado pola compañía Feira do Leste e conta coa financiación do Concello de Sarria.

O Malecón, a igrexa de Santa Mariña e a Praza da Vila son os espazos onde os nenos e adultos poderán desfrutar de historias e contos da man de profesionais de recoñecido prestixio da narración oral galega como Ernesto Is, Lorena Pinheiro ou Cris de Caldas. 

A apertura de programación será o vindeiro domingo 11 de xullo da man do actor Santi Prego, nomeado ao Goya no 2020 como mellor actor revelación polo seu papel en Mientras dure la guerra de Alejandro Amenábar. Prego levará ao Malecón a súa peza O teatro máis pequeno do mundo, será ás 12.30 horas. Ese mesmo día, ás 20.00 horas, No e Is contarán historias de humor e picardía no seu espectáculo Dous falabaratos e un destino na igrexa de Santa Mariña.

O domingo 18 de xullo, Ernesto Is entreterá aos máis pequenos coa contada titulada Historias fascinantes de nenos e nenas delirantes. Será no Malecón ás 12.30 horas. Lorena Pinheiro traerá historias, contos e faladurías acompañada da súa pandeireta en Seica (Historias contadas de vergoñas, silencios e rebeldías), unha peza para mozos e adultos. A cita é na Praza da Vila ás 20.00 horas.

O agasallo das árbores, de Cris de Caldas e Xabi do Camiño, unha sesión de contos que ten como fío condutor o conto dos tres porquiños e a concienciación medioambiental. Esta proposta familiar vén acompañada de música en directo e poderá desfrutarse o domingo 25 de xullo ás 12.30 horas no Malecón. Ás 20.00 horas na Igrexa de Santa Mariña estará Cris de Caldas con Contos en lila, unha proposta familiar pola igualdade.

O domingo 1 de agosto, Nerea Brey contará para os máis pequenos ás 12.30 horas no Malecón. Lúa e o tesouro do hórreo recolle as lendas galegas da man dunha rapaza moi bulideira que está na busca dun tesouro. Pechará o festival Iván Davila cos seus Contos na lareira, unha proposta para cativos de máis de 3 anos. Será na Praza da Vila ás 20.00h.

Todas as actividades son de balde e non precisan reserva. Así mesmo, cumpriranse cos protocolos COVID garantindo a distancia de seguridade entre o público e os contadores.

Nova suba de casos na provincia que chega a niveis de principios de marzo tras detectarse 47 positivos novos en 24 horas

Lugo continúa imparable a suba de casos covid case dúas semanas despois de que o Goberno levantara a obriga do uso de máscaras en espazos ao aire libre. Se ben esta medida, en principio, non é a causante desta suba, si puido colaborar á transmisión do virus nos grandes gromos que se están dando na provincia, principalmente en Sarria e na capital. 

En cifras, segundo informa o SERGAS nos últimos datos publicados, recollidos ata as 6 da tarde de onte, son xa 352 os casos activos na provincia. Témonos que remontar a primeiros de marzo para ver as mesmas infeccións activas. 

Este baremo que subiu, especialmente, nos últimos dous días, vén dado pola gran cantidade de positivos que se están detectando, e que tamén aumentou de xeito importante nas últimas xornadas. Así, o SERGAS cifra en 47 os positivos detectados no día de onte, algo que non se daba na provincia dende o 10 de febreiro, en plena terceira vaga. 

No tocante ás altas médicas, seguen estancadas nas 8 diarias. Unha cifra que non contrarresta coa forza suficiente a cantidade de positivos en covid. 

Por último, neste repaso aos valores da covid na provincia, temos que falar da presión asistencial que, malia que se mantén en cifras semellantes ás de días anteriores experimenta hoxe unha mínima suba. Así, o HULA conta en planta con 3 pacientes covid, un máis que na xornada anterior, mentres que na UCI permanece un caso. Doutra banda, o Hospital da Costa rexistra un ingresado por coronavirus en planta de hospitalización. 

E é, precisamente, na capital da provincia onde máis aumentou onte a incidencia a sete e catorce días. Así Lugo presenta hoxe unha incidencia a catorce días de 132 casos detectados, fronte os 118 que presentaba onte. E é que Sanidade vén de detectar un novo gromo na capital que tamén se centra na mocidade; sen dúbida, o colectivo máis afectado por esta quinta vaga. Neste gromo, polo momento detectáronse unha decena de positivos que, segundo Sanidade, podería arroxar novos casos. O gromo está ligado á apertura do ocio nocturno, pois a maioría de contaxios se tería producido durante a pasada fin de semana entre os clientes de dous locais do centro da cidade. Sanidade xa pediu aos propietarios dos establecementos as listaxes de clientes e iniciou xa un cribado en todos eles.

A Deputación participa na inauguración do seminario Paisaxe e Xeodiversidade na Casa da Habanera de Guitiriz

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo participou este xoves no acto de inauguración da XIII edición do Seminario de Verán sobre a Paisaxe: Paisaxe e Diversidade, que organizan a Universidade de Santiago e o Concello de Guitiriz na Casa da Habanera da localidade chairega no marco da Universidade de Verán. Na apertura das xornadas, que se desenvolven entre hoxe e o venres, tamén participou a Alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, a vicerreitora de Coordinación da Universidade de Compostela no Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, a directora de Promoción da Axencia Turismo de Galicia, Carmen Pita, o director do seminario, Roxelio Pérez, e a secretaria do seminario, María Julia Melgar.

A deputada puxo de manifesto a importancia destes seminarios de verán. “Achegar a Universidade aos concellos forma parte da nosa aposta por garantir un acceso universal á educación superior, tanto no que respecta aos cursos regrados, como neste tipo de seminarios ou cursos de verán”. Así mesmo, “con este formato pódese levar a distintos puntos do territorio unha serie de coñecementos rigorosos, actualizados, que permiten complementar ou renovar a formación das persoas. Porque, se ás veces pode ser un problema atopar tempo para volver ás aulas, hai que facer que sexa a Facultade a que se acerque aos alumnos e alumnas na súa vila”, engadiu a Deputada.

Durante a súa intervención, a voceira provincial recalcou ademais que “este tipo de formación axuda a coñecer máis o medio que nos rodea, e neste caso, afonda naqueles aspectos relacionados coas estruturas xeolóxicas que compoñen a nosa paisaxe. Vivimos nun entorno singular e variado que ten un gran interese dende o ámbito da paisaxe. Unha paisaxe que é beleza, que é unha herdanza que cumpre conservar, pero que tamén é o punto de partida para desenvolver políticas de desenvolvemento económico relacionadas co sector primario, co turismo, a hostalería ou a gastronomía”.

O seminario arrancou este mércores coa conferencia inaugural O Antropoceno. Un planeta en risco? que impartiu o catedrático emérito Francisco Díaz-Fierros Viqueira, e continuará ao longo deste xoves e venres con diferentes sesións con expertos e estudosos sobre a xeodiversidade de territorio e as diferentes accións naturais que configuran a paisaxe galega.

Lara Méndez anuncia o novo contrato de mantemento das zonas verdes que duplica a superficie de servizo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto co edil de Medio Ambiente da localidade, Miguel Fernández veñen de presentar o novo contrato para o mantemento das zonas verdes do municipio. Un prego que abrangue o coidado integral dos parques e espazos axardinados da cidade baixo parámetros de sostibilidade e calidade ambiental e que, por primeira vez, segundo indicou a rexedora, “inclúe directrices contundentes sobre o control que o Concello exercerá para avaliar o cumprimento e a execución das tarefas”. 

Lara Méndez deu conta dos detalles máis destacados da adxudicación, cuxas bases foron aprobadas esta mañá en Xunta de Goberno, trámite co que se inicia o procedemento de contratación. Unha licitación coa que se duplica a superficie que quedará atendida “pero tamén e, por tanto, multiplica o seu custo que chega aos 3,6 millóns de euros ao ano”. 

A rexedora explicou que o contrato, que terá unha duración de cinco anos, improrrogables, abrangue a totalidade de traballos de conservación e limpeza das zonas verdes; facendo fincapé, especialmente, no que ten que ver co seu aseo, mantemento e reposición inmediata de especies e elementos do mobiliario urbano co obxectivo, dixo Méndez, “de que o bo ornato sexa permamente e que se acade baixo premisas sustentables e ecolóxicas”.

v

“A súa entrada en vigor será un antes e un despois para a cidade, en tanto a licitación actual, que databa do ano 2013, deixaba fóra importantes parques como o de Marcos Cela, os polígonos empresariais ou as inmediacións do Pazo de Feiras cuxo acondicionamento supoñía un sobre custo para as arcas municipais”, referiu a alcaldesa.

Lara Méndez apuntou que, “para a elaboración das bases tivéronse en conta, dende o punto de vista técnico, factores como a propia climatoloxía, que resulta un condicionante á hora de acometer en prazo labores como a roza, con repercusións directas sobre o crecemento da vexetación á que tamén lle afectan outras circustancias como o feito de que non esteamos a empregar produtos agresivos que, se ben protexen o ecosistema, por outro lado facilitan a súa proliferación”.

A rexedora debullou, a continuación, as obrigas recollidas no prego, elaborado polo Servizo de Parques e Xardíns, para conservar as zonas verdes en perfecto estado vexetativo, botánico, fisiolóxico, ornamental, estético e paisaxístico.

“Unha máxima que debe cumprirse en todos e cada un dos espazos verdes cos que contamos e non só no que atinxe ás especies arbóreas, setos, plantas ou xardineiras, senón tamén con todo o mobiliario urbano que conteña, incluídas as fontes ou os estanques e mesmo o estado que presente o pavimento, exercendo así unha revisión e atención integral a toda a área”, engadiu a rexedora.

Méndez avanzou igualmente que, por primeira vez, establécese un procedemento de avaliación continua para, a través de distintos parámetros, se poida establecer unha supervisión sistemática coa que detectar calquera desviación sobre os resultados esperados e, finalmente traducir a “non calidade” nun índice ou nota que terá repercusión nos pagos mensuais que se realicen á empresa.

“O obxectivo é poñer límite á falta de dilixencia na resolución das incidencias que se comuniquen e reservar a tramitación de expedientes sancionadores só para aqueles supostos máis graves”, matizou a rexedora ao tempo que anunciou que o Concello destinará unha partida anual de 100.000 euros para cubrir os actos vandálicos que se sucedan. “Ademais dotarémonos dun servizo de ronda e vixilancia para tratar de disuadir este tipo de condutas”.

A alcaldesa lucense comunicou que, entre as zonas que abrangue esta licitación, se atopan tamén os canís e os espazos verdes de nova creación que, con motivo de obras futuras, ampliacións, cesións, recepcións de urbanizacións e adquisicións de todo tipo incrementen a superficie de actuación municipal, respectando as mesmas condicións que contempla a adxudicación.

Mencionou, neste senso, a nova área na unidade de actuación CS-5 (Garañón); a parcela do antigo Hospital Xeral; os espazos públicos xa existentes no barrio de O Carme e os que se prevén incorporar; a ampliación do polígono industrial de As Gándaras e as zonas verdes en xeral, resultantes da obras de peonalización e de reurbanización de diversas rúas do centro urbano.

A este respecto, Lara Méndez incidiu especialmente na atención que se lle dará ao Parque Rosalía de Castro, así como aos seis roteiros turísticos existentes no municipio e ás parcelas do Bosque Urbano do “LIFE” situadas entre os Polígonos Industriais das Gándaras e o Ceao.

Racamonde contesta ao PP: “Estamos a desenvolver actividades nas parroquias onde a veciñanza as solicitou”

A edil de Benestar Social, Olga López Racamonde, vén de contestar ás críticas realizadas onte polo Partido Popular no concello de Lugo, respecto ao peche dos Centros de Convivencia do rural. Así, a socialista asegurou que o Concello está a desenvolver actividades de dinamización na zona rural “en aquelas parroquias onde a veciñanza as solicitou, como son as Aulas Abertas”, que se desenvolven nos distintos centros sociais.
Segundo a edil, estas actividades lévanse a cabo “en función das demandas dos veciños”, tal e como se acordou na reunión que mantiveron a alcaldesa, Lara Méndez, a propia concelleira e o edil de Medio Rural cos representantes das parroquias recentemente.
“Das zonas que cita o PP, se están organizando as actividade en San Xoán do Campo, Calde, Saa, Santa María de Bóveda, Santa Comba, Pías e o Burgo”, explica a edil de Benestar Social.
Por eso mesmo, Olga López, amosa a súa sorpresa ante a denuncia dos populares, “que só evidencia o descoñecemento absoluto do traballo que se realiza desde o Concello e que pon de manifesto que a súa labor de oposición se centra só en cizañear con  informacións coas que faltan literalmente á verdade”.
Así mesmo, a concelleira avanzou que a súa área traballa tamén para organizar as actividades de inverno nas parroquias.
O PP pide probas
A este respecto, o Grupo Popular co obxecto de clarificar a afirmación do Goberno, anunciou esta mañá que pedirá na vindeira comisión que se detalle a programación que se está a desenvolver nalgunhas escolas e centros de dinamización, o número de veciños que se benefician delas así como a previsión de actividades para o que queda de ano.
Os populares lamentan o que tildaron de “falta de verdade” do Goberno Local que, segundo din, negan a evidencia da discriminación sistemática do rural  xa que “cando se destapa a súa falta de apoio aos veciños e veciñas do rural en vez de rectificar se dedican a lanzar cortiñas de fume para tapar este ninguneo”.
“A proba máis evidente de que nas escolas da zona rural de Lugo non hai ningún tipo de actividade témola no deficiente estado dalgúns dos inmobles así como na falta de mantemento do seu entorno” puntualizaba Manuel López. A maioría destes edificios, que antes eran un punto de encontro para os cidadáns, levan meses pechados con cero actividades tanto no seu interior como nas zonas do entorno. “Nalgúns deles como no do Burgo ou en Santa María de Bóveda a maleza mesmo tapa a entrada ou as fiestras. Outros, como a escola de Cuíña ou o centro de dinamización de Coeses; necesitan un desbroce urxente da súa contorna”, conclúen

Comisan 18 cans en mal estado en Chantada, tras unha denuncia do Seprona

Axentes medioambientais da Xunta comisaron onte un total de 18 cans, adultos e cachorros, en mal estado no lugar de Outeiro, no municipio de Chantada, despois dunha denuncia do Seprona. Unha vez os veterinarios valoraron o estado da saúde dos animais, algúns foron trasladados a un refuxio e outros a un hospital veterinario para o seu posterior tratamento.

A actuación dos axentes medioambientais produciuse coa máxima celeridade unha vez recibida a denuncia do Seprona e tras a montaxe dun operativo para dispor de veterinarios, mobilizar aos axentes, preparar os vehículos de transporte, dispor de prazas no refuxio e solicitar a colaboración do Concello de Chantada.

Tres veterinarios, un deles da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, ocupáronse de recoñecer aos animais, todos en mal estado de saúde e algúns con cadros de sarna. Os cans enfermos quedaron hospitalizados e actualmente están en tratamento, mentres que no refuxio permanecerán en corentena o resto dos animais comisados.

A Policía Local instrúe dilixencias ao condutor dunha moto que cuadriplicaba a taxa de alcoholemia permitida

A Policía Local instrúe dilixencias por un delito contra a seguridade viaria, na modalidade de Xuízo Rápido, contra o condutor dunha motocicleta que cuadriplicaba a taxa máxima de alcoholemia permitida.

Os feitos tiveron lugar esta pasada madrugada cando a Sala do 092 recibía diversas queixas de veciños de varias rúas da cidade ante os ruídos causados por unha motocicleta que realizaba fortes aceleróns. Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno localiza este vehículo circulando pola rúa Antonio Rosón, e ao darlle o alto, observan que o condutor presenta signos de embriaguez, pois, segundo indican os axentes “ao baixarse da motocicleta apenas era capaz de manter a verticalidade”, polo que é sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado positivo de 1,07 mg/l, máis de catro veces a taxa máxima permitida.

Asemade, os axentes comproban tamén que o vehículo ten a ITV caducada, procedendo á súa inmobilización.

Dase á fuga tras un accidente

Sobre as 2:40 horas desta madrugada un vehículo encáixase contra dous inmobles de Camiño Real e causa danos a un sinal de tráfico e a un turismo estacionado, fuxindo do lugar.

Acto seguido establécese un operativo de procura no que participan patrullas da Policía Local e a Policía Nacional, sendo esta última a que localiza o vehículo na rúa Lamas de Prado, dando coñecemento á Unidade de Atestados da Policía Local de Lugo, cuxos axentes someten ao condutor ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,54 mg/l, presentando signos evidentes de embriaguez, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria e procedendo ao a retirada do vehículo polo servizo de guindastre, quedando inmobilizado no Depósito Municipal.

A Policía Nacional busca ao autor dun intento de agresión sexual sexual a unha moza en Lugo

A Policía Nacional busca ao autor dun intento de agresión sexual a unha moza de 18 anos de Lugo ocorrido na contorna do campus universitario o pasado luns, 5 de xullo. Segundo indican dende o Corpo Nacional da Policía, a vítima tomará hoxe, de novo, declaración na comisaría, mentres a Policía Científica e a Xudicial recaban información no lugar dos feitos.

Segundo revela a Policía Nacional, foi en torno ás 16.30 horas do luns, no momento no que a moza saía de traballar, cando, presuntamente, foi abordada por un home que a golpeou no rostro. Os feitos ocorrían na Avenida de Madrid nunha zona próxima ao Campus Universitario. A Policía trata agora de atopar ao presunto agresor. 

O caso se atopa baixo segredo de sumario.

Xuventude convida a mocidade a realizar rutas a pé polo Camiño dos Faros como actividade segura

O executivo de Lara Méndez, a través da área de  Xuventude, segue a organizar actividades seguras e ao aire libre para a mocidade. Agora oferta catro rutas a pé polo Camiño dos Faros, un sendeiro en auxe nos últimos tempos que enxalza os faros e outros numerosos puntos de interese da Costa da Morte.

Mauricio Repetto, concelleiro de Xuventude, anima á mocidade a inscribirse para que poidan coñecer novos espazos en Galicia. “Os tempos actuais demostraron moitas cousas, e unha das máis importantes, e positivas é que nos demos conta da importancia da natureza, e que poder estar en contacto co medio ambiente é fundamental, e para iso o sendeirismo é perfecto”.

A participación en cada actividade, que é gratuíta, seguirá a seguinte orde de prioridade e por rigorosa orde de inscrición: mocidade de 14 a 35 empadroados no Concello de Lugo, que traballen ou estuden no municipio e que residan en municipios limítrofes.

E sempre e cando queden prazas vacantes, poderá inscribirse o resto de poboación non superando o 10% de prazas ofertadas en cada actividade.

Rutas a pé polo Camiño dos Faros:

10 de julio

Camiño dos Faros pola costa: 1ª etapa: Malpica – Niñóns. Distancia: 22 km  Dificultade: Alta

24 de Julio

Camiño dos Faros pola Costa: 2ª etapa: Niñóns – Ponteceso. Distancia: 26 km  Dificultade: Alta

14 de agosto

Camiño dos Faros pola Costa: 3ª etapa: Ponteceso – Laxe. Distancia: 25 km  Dificultade: Moderada-Alta

28 de agosto

Camiño dos Faros pola Costa: 4ª etapa: Laxe – Arou. Distancia: 18 km  Dificultade: Moderada


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com