" />

O Colectivo Egeria  presenta “O Fin do Camiño”  o martes 6 de outubro en Guntín

O martes 6 de outubro será inaugurada na Casa da Cultura de Guntín (Lugo) a mostra itinerante “O FIN DO CAMIÑO”, organizada polo Colectivo Egeria, e que conta co patrocinio da Xunta de Galicia a través do programa “O teu Xacobeo”. Iníciase así a edición 2020 deste proxecto, que o ano pasado recorreu todos os concellos do Camiño Francés en Galicia, e que este ano chegará aos concellos dos Camiños Primitivo, Norte, de Inverno e Vía Kunig, ao seu paso pola provincia de Lugo. Os textos da exposición están redactados en galego, castelán e inglés para xeral comprensión, xa que está dirixida especialmente aos peregrinos, e así a súa programación inclúe numerosos puntos dos Camiños de Santiago, comezando polos fitos do Camiño Francés en Galicia. As fotografías son de dous importantes fotógrafos galegos –Eduardo Ochoa e Carlos Puga- que reflicten especiais visións dos Camiños a Compostela, arredándose das visións turísticas e centrándose nos aspectos humanos e monumentais, dos que se destacan os detalles máis sobranceiros. Os textos abordan o tema de O FIN DO CAMIÑO como expresión dos sentimentos que moven ao peregrino para emprender este Camiño milenario, tendo capítulos especiais para o motor da fe, os máis de mil anos dos camiños, o percorrido cara a unha terra de brumas e de luz. Exprésase a procedencia dos peregrinos de lonxanas terras, polos camiños todos que levan a Compostela… destacando aspectos como que Europa se mira en Compostela, a peregrinación en multitude ou en soidade, os peregrinos singulares ou anónimos, o millón de pasos que constitúe o Camiño Francés, a cadea de fervores que o Camiño supón, para chegar á Capital de Occidente, visitar a tumba do apóstolo, completar un camiño interior reflexo do exterior percorrido, e emprender o Camiño de volta. Cada panel conta con brevísimas glosas do Camiño de Urbano Lugrís, Dante ou Frei Luis de León; Filgueira ou Pensado; Tirso, Machado, Fraguas, Pondal, Cunqueiro, Torrente, Cervantes, Celso Emilio ou Manuel Rodríguez López. A mostra está composta por dez paneis dobres, de 2,30 x 0,80 metros, e ademais do patrocinio da Xunta de Galicia a través de “O teu Xacobeo”, conta coa colaboración da Asociación de Municipios del Camino de Santiago e Acogida Cristiana del Camino, da Catedral de Santiago, e da plataforma en internet GaliciaDigital, que desenvolveu a web do proxecto, cos contidos da exposición.

Máis información: www.ofindocamiño.org

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo